Friday 19 de April de 2024

Aprobada a contratación das obras para a reordenación e mellora do parque de Pedra Pateira en Santa Uxía de Riveira


A actuación suporá un investimento de máis de 35.000 euros

O Concello de Riveira informa de que a xunta de goberno local deu luz verde á contratación das obras dirixidas á reordenación e mellora do parque de Pedra Pateira en Santa Uxía de Riveira.

Esta actuación conta cun orzamento de 35.088,84 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de dous meses. Está financiada ao cento por cento cunha axuda da Deputación da Coruña e en breve abrirase o período de licitación.

De acordo co proxecto técnico elaborado polos servizos municipais, o que se pretende con esta actuación é mellorar as condicións de acceso ao parque infantil, así como reorganizar a distribución dos xogos e mellorar o seu pavimento para reforzar a seguridade.

De igual xeito, preténdese plantar árbores ornamentais sobre os parterres próximos á zona de xogo coa finalidade de dotar o espazo de máis zonas de sombra.

Na actualidade, o parque dispón de pavimento de area ademais de lousetas de caucho na zona perimetral dos xogos: lousetas que se atopan en mal estado de conservación. Así e logo, preténdese eliminar este pavimento e unificar o tratamento do recinto infantil a través dun novo pavimento continuo de caucho de cores sobre unha superficie de 281 metros cadrados. Este pavimento –di o proxecto- caracterízase por ser duradeiro, limpo, hixiénico e seguro: unha solución que facilita aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar.

Así mesmo, a carón do parque tamén se vai pavimentar unha zona de entrada con chapa-cuña de pedra, a mesma solución que a executada nas sendas que descorren polo resto do parque. A superficie deste pavimento de pedra é de 37 metros cadrados.

Cómpre lembrar que este mesmo espazo recreativo foi obxecto recentemente de diversas melloras, como a instalación dun novo parque de barras ou as actuacións realizadas polos alumnos de xardinería do obradoiro de emprego Tahume 2.